• ANPA PICARIÑOS, HAZTE SOCIO - DESCARGATE LA SOLICITUD ADMINISION COMO SOCIO - CURSO 2022/2023
Imprimir

Rexeitamos a Reválida de 3º de Primaria

Hand completing a multiple choice exam.

Preme aquí para rexeitar a reválida de terceiro

A Confederación ANPAS GALEGAS oponse á realización da Reválida de 3º de Primaria (27 e 28 de maio) e apoia calquera decisión das familias que exprese o seu rexeitamento a esta proba, mesmo a de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se programe.

O pasado 30 de abril o Diario Oficial de Galicia publicou a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na nosa Comunidade Autónoma. Esta avaliación realizarase os próximos 27 e 28 de maio e afectará a todos os centros docentes galegos que impartan terceiro de primaria. E isto é, nin máis nin menos, a PRIMEIRA REVÁLIDA DA LOMCE. Durante a xestación da LOMCE, en todos aqueles meses e anos dende a presentación do primeiro anteproxecto ata que foi lei publicada, as ANPA rexeitámola dende o primeiro momento, e mantivemos a seguridade de que esa lei é lesiva para a educación dos nosos fillos e fillas, para a sociedade, e para todos os actores do ensino público, tanto o profesorado, como as familias e por suposto o propio alumnado.

escola

A LOMCE unha Lei clasista no senso máis difundido do concepto, pretende limitar o acceso á educación a aquel grupo de persoas que poidan chegar a cumprir uns obxectivos avaliables, pero non garante que eses obxectivos teñan que ser logrados en aplicación dun sistema educativo equitativo, non asegura que cada alumno vaia ter ao seu dispor os medios que permitan contemplar a súa individualidade, e iso entréganos de cheo nas mans do único elemento nivelador que este lexislador que agora temos comprende: o diñeiro. Chegarán a cumprir os estándares aqueles que poidan pagar os complementos que os seus fillos e fillas poidan precisar e que a administración educativa non lles facilite nun exercicio de discriminación permanente.

Pero a LOMCE tamén é unha Lei simplista; cando o mundo enteiro está a falar dunha modificación completa do sistema educativo, onde traballemos sobre competencias e non sobre contidos, onde cada unha das nosas nenas e nenos teña un achegamento persoal á realidade do ensino e reciba unha formación que sexa súa, que estea preparada para eles en concreto, que valore o que o neno é, e non o futuro suxeito no mercado laboral que poida ser; mentres o mundo vai por ese camiño, nós temos unha lei que retrocede moitas décadas para deseñar un ensino que só contempla a repetición de contidos, e que potencia o esforzo memorístico e a realización de probas absurdas e extemporáneas nas que un día da vida dos nosos fillos e fillas vai condicionar o seu futuro.

revalida quadro

E, falando moi en concreto de reválidas, a LOMCE ten outra característica lamentable: é unha Lei que prescinde do valor do profesorado, da avaliación continua, do coñecemento individualizado que calquera mestre ou mestra ten sobre o seu alumnado; e prescinde da realidade e tamén da necesidade; porque ese coñecemento existe e ademais é imprescindible que exista, un neno ten que ser tratado, valorado, e motivado dun xeito propio, e iso só se consegue se ten mestres que o coñezan e o apoien.

Véndesenos que esta reválida dará uns resultados que poderán servir para a mellora do sistema, tanto na aplicación directa para cada un dos alumnos e alumnas, como para a mellora global en función dos resultados medios obtidos. É mentira, as reválidas, calquera reválida, en calquera momento do calendario educativo, só supoñen a visión descontextualizada do que o alumnado é quen de facer un día calquera, sen valorar cómo chegou até alí, en que estado se encontra ese concreto día, cales son as súas circunstancias persoais e a súa capacidade para se enfrontar a un momento de tensión, non se considera cal é o grupo co que está a traballar, e obviase o coñecemento de detalle que o profesorado ten desa persoa e da súa realidade. Precisamente ese coñecemento de detalle é o grande valor do noso sistema educativo,  os profesorado coñece aos nenos e nenas cos que traballa, agora con máis dificultade logo da saturación das aulas resultado dos recortes de medios e de persoal dos últimos anos, e ese coñecemento é o que debe ser o xermolo das políticas de mellora.

Quer a administración facer unha valoración do sistema? Pois pregúntesenos aos membros da comunidade educativa; pregúnteselle ao profesorado, ás familias, á propia administración, e tamén e sobre todo ao alumnado; interróguese lealmente a cada un de nós e compóñase o resultante para facer unha diagnose certa das carencias do sistema, das súas posibilidades de mellora, nun proceso que será longo e amplo pero que servirá para abandonar o camiño que nos está levando ao fracaso, en primeiro lugar o daqueles que abandonan, máis tamén dos que permanecen e non reciben o ensino que precisan.

barreira ostaculo

Ata aquí quizais quen lea poderá pensar que todo está xa dito con anterioridade, pero agora temos unha nova realidade e hai que se enfrontar a ela, e ter unha clara postura fronte ao que vai ocorrer. Os nosos nenos e nenas de oito anos van ter un exame a finais deste mes e nós opoñémonos a el, con toda claridade, porque:

  • É innecesario someter aos nosos fillos e fillas a un exame do que os seus resultados non aportarán absolutamente ningunha información máis aló da que se podería conseguir consultando aos seus profesores e profesoras. Moito ao contrario: a información destes profesionais tería o rigor e a certeza da que vai carecer a que saia desas probas, porque eles teñen o coñecemento directo, constante e personalizado que é necesario para calquera diagnose.
  • Os hipotéticos resultados, falseados polo xeito de os obter segundo o deseñado nas instrucións publicadas que todo o fían á conxuntura casual dun único día, pretenden detectar dificultades por medio da realización de probas estandarizadas, e o que darán como moito será unha información puntual centrada tan só en determinadas destrezas, sen referentes sobre o proceso seguido por cada alumno-a na elaboración da resposta;  e mesmo serán un resultados  perigosos á hora de adoptar calquera tipo de pretendida medida de mellora e por suposto serán imprecisos e inútiles malia que digan que van “aportar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado”.
  • Prodúcese un claro desprezo ao traballo dos docentes, despoxándoos da súa capacidade de avaliación do seu propio alumnado, desconsiderando o seu labor cotián na aula, desoíndo a información individualizada que cada mestre e mestra recolle cada día a través da observación, o seguimento, o traballo constante e as avaliacións axeitadas aos tempos de todos os nenos e nenas.
  • Desprézanos tamén ás familias, que participamos na educación dos nosos fillos como axentes activos, non como pretende esta Lei, e afonda esta Resolución, como elementos externos a quen hai que informar única e puntualmente do grao de adquisición das competencias avaliadas;  como se nós non tiveramos parte na adquisición de moitas desas competencias e non estiveramos permanentemente en contacto co profesorado para que o traballo do colexio e da familia vaian á par na educación dos nosos fillos e fillas.
  • Esta reválida afonda na xerarquización do coñecemento, situando unhas materias no nivel superior que lles outorga o feito de seren protagonistas dunha proba, só se vai avaliar “o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática”. O resto das capacidades, destrezas ou habilidades non son importantes segundo o lexislador, dá igual que o alumnado non coñeza a súa contorna nin como se organiza, non importa o traballo nas competencias plásticas ou musicais, só ten importancia a competencia matemática e a lingüística. Dirásenos que isto só é a avaliación, que durante o curso tamén se traballan as outras materias; pero se a final de curso te van a examinar dunhas materias concretas, quen dubida de que esas materias van ser as máis traballadas durante ese período?
  • Esa mesma polarización dun curso cara a un exame final incidirá na inclusión da diversidade, porque o lexislador está a pedir uns resultados positivos nese exame, mesmo xa se ocupa de dicir que o alumnado que teña adaptación curricular fará a proba pero os seus resultados non contarán na avaliación do conxunto, igual que ocorrerá con aqueles non teñan competencia lingüística abonda, e isto é unha incitación ao mestre para que non gaste o seu tempo naqueles nenos e nenas que non van puntuar na proba, porque así ha conseguir mellores resultados. Certo que os mestres non van caer nesta trampa, pero a presión dos resultados estará aí e influirá a medio prazo.
  • Eses mesmos resultados constituirán a base dunha clasificación de alumnos, clases, centros educativos, mesmo zonas xeográficas; en canto aparezan os primeiros resultados, que serán públicos agás no que atinxa á identificación de cada alumno ou alumna, asistiremos a unha ordenación por categorías, aparecerán inevitablemente colexios “mellores ou peores”, promocións de máis ou menos calidade, alumnos e alumnas distintos; porque todo isto desgraciadamente xa o vivimos nas noticias que comentan os resultados da selectividade, cando hai centros que desvergonzadamente publican os resultados como un éxito da súa xestión, sen contar en ningún caso cantos quedaron no camiño para conseguir esa “selección triunfadora” que consegue ese falso triunfo.
  • Esta proba tamén esquece a nosa realidade, dá igual ser galego e vivir en Galicia que non o ser, a nosa formación, no imaxinario dos responsables educativos, ten que ser a mesma en todas partes; máis curiosamente non é que os demais teñan que aprender cal é a nosa realidade, somos  nós quen temos que aprender a de outros. Xa non é só que non se avalíen,o que, como se dixo máis arriba,vai traer a consecuencia de que tampouco se aprendan, as destrezas na organización social inmediata ou no coñecemento da contorna física e consuetudinaria; é que ata a nosa lingua vese discriminada cando se fala como algo salientable de que “a competencia en comunicación lingüística avaliarase de xeito integrado en galego e castelán”, a contrario sensu: a competencia matemática non se avaliará en galego, nótase a valoración que a lingua propia merece aos nosos responsables políticos; máis aínda cando a propia web da consellería só oferta modelos de traballo para a futura proba  a medio dunha ligazón á web do ministerio de educación, ligazón que só ofrece modelos en castelán.

Gasto innecesario

  • Consideramos que o custo destas probas, moi elevado en tanto que innecesario sexa cal sexa a súa contía, debería dedicarse a eliminar parcialmente os lamentables efectos causados por unha política de recortes nas dotacións humanas e materias dos nosos centros educativos públicos.

Por todo o que xa se dixo, a Confederación ANPAS GALEGAS rexeita totalmente a realización destas probas, especialmente neste curso onde a implantación da LOMCE e dos currículos que se pretenden avaliar foi caótica, atrasada, e sen a formación precisa do profesorado. Pero tamén nos cursos vindeiros porque:

– Non vai aportar ningún dato fiable para a mellora da educación na nosa sociedade, porque elimina a transcendental importancia que ten a diagnose personaliza feita polo profesorado.

– Non conta coa aprobación e colaboración das familias.

– Non contempla nin dá importancia á inclusión da diversidade, senón que a aparta do sistema.

– Porque vai dar como resultado a aparición de listaxes clasificatorias de nenos e nenas, centros escolares e profesorado.

Apoiamos tamén calquera decisión individual das familias de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se realicen as devanditas probas; aínda que entendemos que as necesidades de conciliación da vida laboral e familiar impedirán o efectivo exercicio desta medida de rexeitamento por parte das familias.

CARTA CANCELACIÓN DATOS PERSOAIS PARA FAMILIAS DE 3ºCARTA

REXEITAMENTO PARA TODAS AS FAMILIAS